A menopausa

Falemos da menopausa.
Estamos nesa idade de notar cambios e de cambiar as cousas
A menopausa é unha etapa natural nas nosas vidas como mulleres, marcada polo cesamento permanente da menstruación debido a cambios hormonais. Non é unha enfermidade nin un trastorno, pero pode vir acompañada de cambios físicos e emocionais que poden afectar a nosa calidade de vida.
Cada unha de nós vive esta transición de maneira única: mentres algunhas apenas o notamos, outras enfrontamos efectos máis intensos e prolongados. Comprender esta etapa e os seus cambios é clave para xestionala de forma adecuada, favorecendo o noso benestar físico e emocional.
Por iso, falar da menopausa é esencial.
Fases da menopausa
Perimenopausa ou premenopausa
É esa etapa de transición na vida das mulleres que pode comezar varios anos antes da menopausa e que se estende ata un ano despois da última menstruación. Durante esta fase, os niveis de estróxenos e proxesterona comezan a diminuír, o que pode provocar irregularidades no ciclo menstrual e poden aparecer algúns cambios físicos e emocionais.
Menopausa
É o momento no que unha muller pasou 12 meses consecutivos sen menstruar, sempre e cando non se deba a ningunha outra causa fisiolóxica ou patolóxica, ou a unha intervención clínica. Segundo a idade na que ocorre, fálase de menopausa prematura se sucede antes dos 40 anos; menopausa precoz, entre os 40 e os 45 anos; menopausa típica, que é a máis común e ocorre entre os 45 e os 55 anos; menopausa tardía, que ocorre despois dos 55 anos; e menopausa inducida, tamén coñecida como iatroxénica ou cirúrxica, que é causada por medicamentos, quimioterapia, radioterapia ou cirurxías. A idade e a duración da transición cara á menopausa dependen de factores biolóxicos e médicos, de aspectos socioculturais e do estilo de vida.
Posmenopausa
Iníciase despois do primeiro ano da menopausa e esténdese durante o resto da vida. Os cambios asociados á menopausa poden continuar durante os primeiros anos da posmenopausa, pero tenden a diminuír co tempo.
Cambios nos nosos corpos
Cambios nos nosos corpos
Cada unha de nós vivirá a menopausa de xeito diferente. Algunhas pasamos pola transición á menopausa con moi poucos cambios, mentres que outras experimentamos unha variedade de manifestacións que aparecen e desaparecen ou malestares que persisten e poden chegar a ser moi incómodos.

-
Sufocacións e suores nocturnas
As sufocacións son esas calores intensas que moitas de nós sentimos durante a perimenopausa. Adoitan nacer da cara ou do peito e logo estenderse, durante uns minutos. As sufocacións adoitan presentarse varias veces ao día e son máis frecuentes pola noite. En ocasións asócianse a palpitacións ou sensación de ansiedade.
Aparecen polos cambios hormonais asociados a este período, no que os ovarios deixan de responder aos sinais hormonais. Estas hormonas tamén dependen do cerebro e, por iso, situacións como o estrés laboral, as cargas familiares ou a falta de descanso poden empeorar as sufocacións. Non obstante, as sufocacións adoitan mellorar co tempo.
-
Trastornos do sono
As sufocacións poden arruinarnos unha noite de sono a moitas de nós, pero non sempre son as únicas culpables. Durante a perimenopausa, poden aparecer outros problemas como insomnio, depresión, síndrome de pernas inquietas (sensación de molestia nas pernas que obriga a movelas) ou apneas do sono, que afectan as horas de descanso e a calidade do sono.
-
Xinecolóxicos, xenitais, urinarios e sexuais
A síndrome xenitourinaria da menopausa inclúe molestias como:
Sequidade vaxinal
Infeccións urinarias frecuentes
Dor ao ter relacións sexuaisA síndrome xenitourinaria da menopausa pode empeorar se non se trata, aínda que pasasen anos desde a menopausa, polo que é importante consultar co túa médica ou médico de familia ou coa túa matrona ou parteiro.
Durante a perimenopausa, as paredes do útero poden engrosar e aumentar o risco de cancro de endometrio, polo que calquera sangrado durante este período e posterior á menopausa debe ser avaliado por un profesional sanitario. A endometriose adoita mellorar coa diminución dos estróxenos, pero algunhas mulleres poden seguir con molestias. Os fibromas uterinos poden causar sangrados irregulares na perimenopausa, aínda que despois da menopausa tenden a diminuír. Non obstante, nalgúns casos poden aumentar de tamaño.
En canto á fertilidade, a perimenopausa trae unha caída significativa na capacidade reprodutiva, aínda que segue habendo posibilidade de embarazo, polo que, se non o desexas, usa métodos anticonceptivos se vas ter relacións sexuais. Cando a menopausa está establecida e levas un ano sen períodos, é probablemente seguro dicir que xa non podes quedar embarazada.
-
Aumento de peso ou risco de diabetes
Nesta etapa prodúcense cambios no metabolismo que afectan a como o corpo responde á insulina, podendo aumentar o peso.
Este aumento de peso, sumado ao envellecemento, pode aumentar o risco de desenvolver diabetes. Por isto é importante seguir unha alimentación saudable e realizar actividade física e exercicio, para ter un mellor estado de saúde.
-
Cabelo e pel
Durante a menopausa, é común que notemos cambios no pelo e na pel. Pode que nos caia o cabelo ou que diminúa, aínda que ás veces aparece máis peluxe no rostro. A pel pode poñerse máis seca ou con comechón, saír acne, manchas escuras, engurras ou perder firmeza.
-
Memoria
Durante a transición menopáusica, algunhas mulleres describen síntomas como esquecementos, dificultades para lembrar palabras e "néboa mental". Porén, isto non adoita ser sinal de algo grave, como demencia ou alzhéimer.
Polo xeral, parece que se debe á diminución dos estróxenos, pero tamén á falta de sono ou ao estrés que vén coa mediana idade, debido ao equilibrio entre o traballo, a vida persoal e as responsabilidades de coidar dos demais.
-
Saúde mental
A menopausa non só lle afecta ao corpo, tamén pode ter un impacto importante na saúde mental. Ademais dos cambios de humor, algunhas mulleres podemos desenvolver depresión ou ansiedade durante a transición.
Isto débese non só aos cambios hormonais, senón tamén aos retos emocionais e estresantes que veñen con esta etapa, como lidar co envellecemento, a carga dos coidados das persoas maiores da nosa familia e dos fillos e fillas en idade infantil ou adolescente, controlar os cambios e as responsabilidades da vida cotiá e da vida laboral. Todo isto sumado a vivir nunha sociedade que considera que a menopausa é un tabú ou ao estigma asociado a esta etapa, o que xera unha situación de incomprensión, inxustiza e agrava o malestar. Falar coas amigas ou familiares sobre estes cambios e malestares e compartir experiencias e estratexias para afrontalos pode ser de grande utilidade.
É normal non sentirse ben durante esta etapa, pero non temos que dubidar en acudir á nosa médica ou médico de familia ou á nosa matrona ou parteiro en busca de axuda ou se nos sentimos especialmente mal.
-
Relación con outras enfermidades
Saúde ósea.
A diminución da proxesterona e dos estróxenos afecta á firmeza dos ósos; pódese perder certa densidade nesta etapa, o cal provoca que o risco de fractura aumente ante unha posible caída.Risco de cancro.
Tanto a idade coma as hormonas reprodutivas (proxesterona, estróxenos) inflúen no risco de desenvolver cancro. As mulleres que chegan á menopausa despois dos 55 anos teñen un maior risco de cancro de mama, ovario e útero. Así mesmo, un período de máis de corenta anos con ciclos menstruais aumenta o risco de cancro de tiroide, sen importar a idade na que se chegue á menopausa.
Cambios na nosa vida

-
Liberdade
A menopausa pode traernos unha sensación de maior liberdade, xa que deixamos atrás as molestias e incomodidades dos ciclos menstruais mensuais. Tamén desaparecen os cambios de humor relacionados co ciclo menstrual e a síndrome premenstrual (SPM), así como as preocupacións sobre o risco dun embarazo non desexado.
-
Plenitude
A menopausa pode traernos sentimentos de experiencia, competencia e unha maior capacidade para expresar o que pensamos. Moitas mulleres tamén experimentamos unha mellor conexión co noso propio corpo e unha maior confianza na nosa vida sexual.
-
Vitalidade
Podemos falar dunha segunda primavera, xa que despois da menopausa se abre para nós unha etapa nova para vivir, que pode durar máis de corenta anos porque a esperanza de vida das mulleres estase dilatando en todos os países do mundo. O gran reto é encher de calidade, de pracer, de sexualidade, de sensualidade e de vitalidade todos os anos que nos queden por vivir.
Cambios na sociedade
Cambiar a visión sobre os riscos e as incomodidades para incluír os aspectos positivos desta etapa pódenos axudar a reducir o estigma que adoita rodeala. É importante aumentar o coñecemento público e que as persoas que nos rodean tomen consciencia sobre todo o relacionado coa menopausa. Isto axudará a romper os estigmas asociados co envellecemento e esta etapa da vida, e permitirá que poidamos identificar e buscar axuda, se é necesario, para os cambios físicos e emocionais que experimentamos.

-
Naturalizar
É importante naturalizar a menopausa porque, como tema tabú, sempre se viu de forma negativa, como algo incómodo ou incluso indecoroso de falar en público. Se a normalizamos, rompemos con eses estigmas e damos a oportunidade de falar diso sen medo ao xuízo. Desta maneira, as mulleres sentímonos máis cómodas compartindo as nosas experiencias e aprendemos da experiencia doutras, o que nos axuda a mellorar o noso benestar e saúde física e emocional nesta etapa da nosa vida.
-
Visibilizar
Visibilizar e normalizar a menopausa como algo natural e biolóxico nos nosos corpos é fundamental. Os cambios físicos que trae a menopausa adoitan ir en contra dos estándares de beleza actuais, que se centran na xuventude. Isto pode xerar medos, como o temor a deixar de atraer a nosa parella ou á hora de buscar novas relacións. Porén, tamén é unha etapa na que podemos aprender a valorar a nosa saúde, a nosa forza interior e a beleza da madurez, sentíndonos máis seguras e auténticas con nós mesmas.
-
Comprensión e empatía
É importante que as mulleres sintamos que hai unha comprensión real cara ao que vivimos, que os procesos biolóxicos, psicolóxicos e sociais que atravesamos hoxe en día sexan entendidos polas persoas máis próximas a nós, polos profesionais sociosanitarios e pola sociedade en xeral. A falta de comunicación, sumada a que é algo que só nos pasa a nós e non aos homes, pode facernos sentir incomprendidas, o que afecta as nosas relacións coa parella, a familia e o traballo. Non obstante, ao xerar conciencia e apoio, podemos crear un contorno máis empático e solidario para todas.
-
Acompañamento
É clave ofrecer información clara e útil sobre a menopausa, tanto para nós como mulleres, para que saibamos a que cambios nos enfrontamos, coma para as persoas que nos acompañan, para que poidan entendernos e apoiarnos. A falta de información e de referentes pode facer que vivamos este proceso con confusión e preocupación, sen entender os cambios que estamos pasando ou os que virán. Non obstante, ao compartir información e crear unha rede de apoio e coidados mutuos, podemos vivir esta etapa con máis confianza e tranquilidade. Poder falar en confianza con amigas, familiares e profesionais sanitarios de proximidade facilita a conciencia sobre o proceso e as estratexias de afrontamento, adaptada ás características, gustos e condicionantes sociais de cada unha.
-
A nosa menopausa
A nosa menopausa deber ser un relato propio, contado por nós e para nós. Ao longo dos anos, fomos testemuñas de como esta etapa da vida se viu a miúdo desde un enfoque negativo, como algo que debemos esconder ou temer. Porén, é hora de que tomemos o control da nosa propia historia, compartamos as nosas experiencias e falemos abertamente sobre o que realmente implica a menopausa. Ao facelo, podemos deixar de ver esta fase como algo negativo ou vergonzoso e empezar a vela como unha etapa natural e apoderadora.
Consellos
Descubre os nosos CONSELLOS para transitar mellor esta etapa
-
Saúde emocional
Coidadr as horas de descanso e de ocio e empezar a recuperar os nosos desexos, as ganas de gozar dos praceres que aparcamos durante anos a causa dos traballos de coidados poden dar serenidade.
É recomendable cultivar espazos para nós mesmas e buscar actividades que nos axuden a estar mellor e gozar da vida nesta nova etapa.
Coma noutras etapas da vida, é moi útil contar co apoio de grupos, asociacións e redes de mulleres para compartir experiencias e preocupacións, e empezar a falar dun tema que foi, e segue sendo, un tabú, coas consecuencias negativas que isto xera para nós. Ademais, xuntas podemos conseguir máis facilmente estratexias de afrontamento, que asemais palíen o impacto que as condicións de vida teñen nesta etapa vital.
-
Alimentación
Nesta etapa é de especial importancia coidar da alimentación, non só porque é frecuente que os cambios hormonais e o aumento da idade faciliten que subamos de peso, senón por asegurar os nutrientes adecuados e diminuír o risco cardiovascular.
Para isto é importante seguir unha alimentación saudable, como en calquera etapa da vida. Recoméndase seguir unha alimentación rica en verduras, hortalizas e froitas, legumes e aceite de oliva, e incluír alimentos ricos en calcio e vitamina D, e alimentos ricos en ácidos graxos omega-3, como peixe e froitos secos. É importante controlar o consumo de sal e reducir o consumo de frituras.
-
Exercicio
Nesta etapa a actividade física é moi importante e pode axudar a manexar varios dos síntomas da menopausa. Se non fas nada, comeza progresivamente e busca actividades que che gusten. A actividade física regular e variada, incluído o adestramento de forza como pesas, reduce o risco de enfermidades cardiovasculares, diabetes e cancro. Ademais, mellora o descanso, o estrés e moitos dos cambios que se producen nesta etapa das nosas vidas.
Nesta ligazón podes consultar as recomendacións de actividade física e nesta outra ligazón pódense consultar vídeos con exemplos de exercicios de fortalecemento, flexibilidade e equilibrio para adultos.
-
Sexualidade e parella
A menopausa non ten por que significar a diminución da nosa actividade ou satisfacción sexuais. Cunha comunicación aberta, axustes na intimidade e coidados físicos e emocionais, moitas mulleres e as súas parellas encontran novas formas de gozar da súa relación e da súa sexualidade.
Ofrecémosche algúns consellos para manexar a sexualidade e a parella durante esta etapa:
Lubricantes e humectantes: alivian a sequidade e son fáciles de encontrar.
Exercicios pelvianos e fisioterapia: inclúen dilatadores vaxinais e actividade sexual (tamén autoestimulación).
Terapias hormonais: En doses baixas aplicadas directamente na vaxina.
Terapia hormonal sistémica (para outras afeccións da menopausa).
Medicamentos específicos como agonistas/antagonistas do receptor de estróxeno (en pílula).
É importante ter en conta outros aspectos que poden influír no desexo, como a carga de coidados, o estrés laboral, as dificultades sociais, a deterioración das relacións...
-
Hábitos tóxicos
Recoméndase evitar o consumo de alcohol e tabaco e limitar o consumo de cafeína para facilitar o manexo dos síntomas relacionados con alteracións do sono, benestar emocional e minimizar o risco cardiovascular.
-
Asistencia sanitaria
A menopausa é un proceso normal e fisiolóxico, polo que, en principio, non require unha intervención médica.
Recoméndase consultar o teu médico ou médica de familia ou matrona de referencia:
Se che deixa de baixar a regra moi pronto (antes dos 40 anos).
Se sofres sangrados entre as regras, ou moi frecuentes, ou se volves sangrar despois de 6 meses sen regra.
Se tes molestias ao ouriñar ou escapes.
E cando tes calquera outro síntoma que altere a calidade de vida.En canto ao tratamento hormonal substitutivo, se decidimos comezar con el, debe basearse nunha avaliación coidadosa dos riscos e beneficios e sempre se debe consultar cun profesional sanitario para que decida en función de cada situación. É importante lembrar que non todas as mulleres necesitamos ou desexamos este tratamento. As decisións sobre o uso de hormonas deben tomarse de forma personalizada, considerando as características, necesidades e preferencias de cada unha de nós.
Recomendacións para profesionais da saúde
-
Atención personalizada
Acompaña as túas pacientes dunha forma integral.
Ofrece:
Alternativas
Enfoque positivo
Conversa aberta que poida "destapar" outras problemáticas que van máis alá da menopausa. -
O papel do persoal sanitario
A atención á saúde sexual e reprodutiva ten, segundo a OMS, mellores resultados se está liderada por matronas. E a menopausa, como proceso fisiolóxico que é, require dunha una atención universal, accesible e rigorosa.
As parteiras e parteiros ocupan un lugar de privilexio no sistema sanitario, especialmente en atención primaria.
Aínda que moitas persoas só asocian as matronas e parteiros co embarazo e o parto, en realidade, a súa función tamén inclúe tarefas preventivas moi importantes, como o cribado do cancro de colo de útero, que moitas mulleres coñecen como "a revisión". Esta é unha excelente oportunidade para que as matronas accedan ás mulleres e, a través de preguntas sobre a súa menstruación, cambios ou molestias, poidan obter unha historia clínica máis completa. Ademais, poden explicarlles ás mulleres o que é normal e o que non, é dicir, o que é fisiolóxico fronte ao patolóxico, e derivalas a outros profesionais se é necesario. Todo isto axuda a coidar a súa saúde e mellorar a súa calidade de vida.
-
Plan de coidado
Malia a menopausa non requirir tratamento necesariamente, pódese prescribir un plan de atención que inclúa cambios no estilo de vida, terapias complementarias e alternativas e/ou medicamentos para axudar a aliviar e controlar as posibles molestias derivadas deste proceso. Hai que ter en conta tamén cales son os teus gustos, as túas fortalezas, as túas condicións sociais, o teu traballo, as túas rutinas, os teus apoios sociais e familiares.
Este plan pode combinar diferentes enfoques que cambien co tempo, dependendo dos síntomas e doutras condicións de saúde e sociais que poidan existir.
Ao crear un plan de coidado, débense considerar factores como a idade, o estilo de vida, o manexo dos síntomas, a eficacia dos tratamentos e os seus posibles efectos secundarios, e outros riscos para a saúde. Pódese adaptar á túa realidade e ás túas preferencias, tras un diálogo co teu profesional de referencia. Tamén é importante ter un seguimento para monitorizar os síntomas, con información sobre os riscos e beneficios dos tratamentos, as probas necesarias, a que especialistas consultar e a frecuencia das visitas. Ter unha rede de apoio mutuo é de grande utilidade, tanto amigas coma familiares ou asociacións de mulleres poden axudarche a entender mellor o proceso e encontrar as maneiras de afrontamento que se adapten á túa realidade.
Levar un rexistro ou diario dos tratamentos e de como afectan os síntomas é útil para axustar o plan e asegurarse de que as mulleres se sintan mellor. Como noutros procesos, é clave a escoita activa e deixar espazos para detectar necesidades e ferramentas coas que contas para afrontalas.